O pasado martes 23 de xaneiro, e a través do CFR de Ferrol, visitáronnos un grupo de 5 inspectores/as e docentes da Académie de Dijon de la région académique Bourgogne-Franche-Comté: Sabine Lambert, Alexandra Alninoff, Claire Dubrac, Christian Tessier e Sophie Orwat. Tiñan interese en coñecer como se traballa e se organiza a vida nos centros educativos do concello de Ferrol, sobre todo no ámbito da Formacion Profesional.
A visita organizouse en dúas partes. Na primeira delas, o equipo directivo do centro explicoulles, a través dunha presentación, como está organizada a Formación Profesional a nivel xeral na Comunidade de Galicia, ademais de ensinarlles cal é a realidade do noso Centro: distintos tipos de ciclos formativos (básico, medios e superiores) e as diferentes familias profesionais con cadanseus cursos. A segunda parte consistiu nunha visita guiada polo Centro para que comprobasen de primeira man como é o noso día a día. Para isto último, entraron en diferentes espazos: o taller de informática, a aula onde se atopaba un grupo de 2º curso do CS Proxectos de Edificación, unha clase de inglés onde puideron ver como interactuaba o auxiliar de conversa co alumnado de 1º curso do CS Xestión de Vendas e Espazos Comerciais, a aula de turismo co grupo de 1º curso do CS Guía, Información e Asistencia Turísticas, o ximnasio onde o alumnado de 2º curso do CS Ensinanza e Animación Sociodeportiva explicou aos inpectores/as o tipo de actividades que se desenvolven e máis como funciona a actividade de “Centro activo”.
Despois dunha pausa para tomar un café e intercambiar impresións, a visita continuou na biblioteca do centro e máis na ATENDA, o espazo de tecnoloxía aplicada do departamento de Comercio e Márketing. Recibiron información por parte de xefes/as de departamento, profesores/as do centro que tamén son responsables dalgúns espazos e do propio alumnado que respostaba ás súas preguntas.
Cómpre suliñar o ambiente distendido que houbo en todo momento cunha constante interacción preguntando tanto aos membros do equipo directivo, ao profesorado e ao alumnado cuestións que lles interesaban e dúbidas que tiñan. Estiveron acompañados ao longo de toda a mañá polo equipo directivo, polas asesoras de linguas estranxeiras e mais de TIC do CFR de Ferrol coas que viñeron ao Centro e por profesorado do departamento de Dinamización de Idiomas. As 5 persoas indicaron que quedaron moi satisfeitas e a visita foi unha experiencia interesante e enriquecedora para ambas as dúas partes da que poden xurdir iniciativas académicas e mesmo profesionais para o noso alumnado e profesorado no futuro.