
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da concelleira de educación de Ferrol, Patricia Cons, visitou o novo espazo de tecnoloxía aplicada que ten habilitado o CIFP Rodolfo Ucha este ano.
O Espazo de Investigación e Innovación de Edificación (EiiE) está deseñado para que o alumnado aprenda e experimente coas tecnoloxías máis recentes no levantamento, modelado e representación de proxectos de edificación e obra civil. Estará equipado con ordenadores, paneis interactivos, tabletas dixitais e lentes de realidade virtual, permitindo unha experiencia de aprendizaxe avanzada e inmersiva do alumnado do ciclo superior de Proxecto de Edificación.

Aneiros destacou a “revolución académica que supoñen espazos como esta aula EiiE, á hora de mellorar a cualificación dos estudantes, permitíndolles a simulación de centros de traballo e contornas laborais reais”, dixo. Nestas aulas empréganse metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, neste caso o da edificación, “o que redunda na mellora da formación na FP galega”, explicou.
