As alumnas de 1º curso do do CS Guía, información e asistencia turísticas, acompañadas pola súa profesora Elena Anca, visitaron as instalacións do cruceiro Sky Princess amarrado no porto da Coruña o pasado 11 de maio pola mañá.
Tras pasar o control de seguridade da estación marítima da Coruña e do propio buque, accederon ao interior do barco acompañadas do representante da Princess Cruises para España e Portugal, José Antonio Fermoso, CEO de Mundomar Cruceros.
Primeiramente recibiron unha charla onde José Antonio explicoulles as particularidades desta navieira, a súa flexibilidade nas comidas, os múltiples servizos de lecer, saúde e beleza, así como o sistema de pagamento a bordo sen efectivo e sen tarxeta de crédito. Ademais, entregoulles un catálogo co resumo dos itinerarios e saídas específicas con guía acompañante en español. Curiosamente as alumnas tiveran exame de rutas de cruceiros marítimos por Europa hai unhas semanas, e recoñecían estes itinerarios.
A continuación realizaron un circuíto guiado por todas as instalacións, incluíndo varias cubertas e espazos como o salón de actos, sala de espectáculos, ximnasio, spa, casino, zona comercial e varias piscinas nas cubertas superiores. Por último, puideron comprobar en primeira persoa como se sente un cruceirista a bordo, entrando en 4 camarotes, dende un interior á espectacular Penthouse de proa, para ver as diferenzas e avantaxes de cada tipo de acomodación nun cruceiro destas características.
A visita finalizou cunha degustación gastronómica nun dos seus restaurantes especializados.
Estas son algunhas imaxes da visita:






