UN GRUPO DE DOCENTES DO CENTRO ESTÁ A DESENVOLVER UN PROGRAMA QUE CONSISTE NA OBSERVACIÓN DE COMPAÑEIROS, CO OBXECTIVO DE MELLORAR A SÚA PRÁCTICA DOCENTE

  • Rebeca Miramontes Pena, do Departamento de Hostalaría e Turismo, e coordinadora do programa
  • Rocío García Brandeiro e Manuel Torrente Rodríguez, do Departamento de Comercio e Markéting
  • Elena Estévez Quintela e Lois Sánchez Meizoso, do Departamento de FOL
  • José M.ª Bey Otero e María Meizoso García, do Departamento de Informática e Comunicacións
  • Divina Morado Vázquez e Pilar Molina Osa, do Departamento de Dinamización de Linguas Estranxeiras
  • Fernando López Uceira, membro do equipo directivo

Este é o grupo de profesores do centro que participa no programa que se está a desenvolver no segundo trimestre e que ten por obxectivo mellorar a nosa práctica docente a través da observación de compañeiros.

O programa consta de catro fases, sendo a primeira na que nos atopamos agora, a fase intracentro. A coordinadora, Rebeca Miramontes, organizou un calendario de observacións en parellas, tanto para a observación holística como para a observación focalizada.

A observación holística consiste en contemplar e advertir a nivel xeral, diferentes aspectos que se dan na aula co obxectivo de delimitar os intereses nos que reparar de cara á observación focalizada, familiarizarnos co compañeiro e que nos sirva como toma de contacto.

Antes da observación holística cada parella tivo unha reunión ou práctica reflexiva para decidir aspectos como:

  • o sitio do observador
  • o papel de cadaquén
  • os puntos a analizar (agrupamentos, profesor, dinámicas, explicacións, metodoloxía, disposición da aula, …)
  • as ferramentas a empregar durante a observación (plan de aula, folla de observación holística)

Despois da observación holística tivemos unha nova reunión de análise para comentar aqueles aspectos que observarnos na parella e retroalimentarnos.

Nesa reunión elaboramos algúns documentos como:

  • un decálogo das competencias da persoa observada
  • un decálogo das competencias da persoa observadora
  • un decálogo sobre a boa OEI (observación entre iguais)

Tamén fixemos unha reflexión sobre o que máis nos serviu neste proceso e o que menos.

Coas nosas conclusións asistimos á segunda sesión de formación en liña, na que tivemos dous momentos de traballo en grupo en “breakout rooms” ou sesións de grupos pequenos. O primeiro momento para compartir impresións sobre a nosa experiencia como observadores observados. O segundo para analizar un vídeo.

Nesta sesión de formación deron indicacións de como preparar a segunda observación, a focalizada, para o que nos aconsellaron artellar a observación da práctica docente atendendo ás liñas do PFPP do centro. No noso caso, as competencias dixitais e a convivencia.

Con esta idea, de novo coas nosas parellas de observación elaboramos unha serie de preguntas nas que despois nos centraríamos en dúas ou tres durante a sesión de observación focalizada.

Chegamos así a terceira sesión de formación en liña onde de novo nos organizaron por grupos en “breakout rooms” nos que falamos de como foi a observación, das dificultades atopadas durante a sesión de análise, … todo intercambiando impresións baseadas nas nosas experiencias.

O interesante era atopar cada un de nós o noso momento “Eureka”, ese momento no que te decatas dalgunha cousa, ves algo no teu compañeiro que che fai pensar en algo da túa práctica docente na aula que podes cambiar, e das transformacións que implicaría para levar a cabo ese cambio.

Unha vez feitas todas estas accións, queda outra importante, a reflexión conxunta de todos os que estamos a participar no programa e na que poden xurdir importantes e interesantes ideas.

Esta viaxe polo mundo da observación ao longo destas semanas contribuíu a mellorar a convivencia entre nós, a coñecernos un pouco mellor, a compartir as inquedanzas do noso día a día na aula, a reflexionar sobre a nosa práctica docente, e malia rematar o período formal que tiñamos que cumprir, quedamos con ganas de máis e imos seguir observando para aprender e intentar mellorar.