Inicios. Escola de Artes e Oficios (1881-1930)

A inauguración oficial da Escola tivo lugar o 9 de decembro de 1881, na Casa Consistorial, estando presentes o Alcalde, Don José Losada Segurola, e as máximas autoridades da cidade. Ferrol foi a primeira cidade galega que conseguiu pór en marcha unha Escola de Artes e Oficios. Logo seguiron nesa andaina Santiago (1886), Vigo (no mesmo ano), Lugo, A Coruña, etc.

O emprazamento final da Escola de Artes e Oficios sitúase na rúa Madalena, no edificio número 177 (hoxe en día o 219), veciño ós xardíns de Herrera, entre os anos 1881 e 1942.

Na primeira imaxe pódese ver a fachada do inmoble no que estivo a Escola e, na segunda, o debuxo deste elemento do edificio.

O regulamento orgánico inicial definiu a Escola como un establecemento libre de ensino non oficial e gratuíto, que tiña por obxecto fomentar a cultura e a instrución dos obreiros para o desempeño das súas profesións. A Escola non era un recinto illado, senón que se relacionaba coa sociedade e co seu contorno. Pódese dicir que unha grande parte da mocidade ferrolá de entón pasou polas aulas da Escola, algúns tan só uns meses e outros vinculándose a ela como fonte de información permanente durante moitos anos da súa vida. Dende que en 1886 se crean e se regulan as Escolas de Artes e Oficios dependentes do Estado, moitos dos esforzos da Diretiva e do profesorado encamíñanse a converter a Escola de Artes e Oficios de Ferrol en centro oficial. O obxectivo era lograr un pleno recoñecemento dos seus dereitos e certificacións, modificando o Regulamento para adaptalo ó Plan de Estudos segundo á lexislación vixente naqueles anos.

Escola elemental de traballo (1939-1956)

Ante a crise do ano 1924, pola que pasaba a escola, causada por unhas instalacións deterioradas e pola falla de profesorado, aparece a idea da súa transformación en Escola Elemental de Traballo.

O proceso de cambio foi lento porque a aprobación oficial ou a obtención de axudas era difícil, pero finalmente en 1939 nace a Escola Elemental de Traballo, con carácter oficial e subvencionada polo Estado na súa totalidade. As obras de construción da Escola Elemental de Traballo realízanse nun terreo edificable, que cede o Concello, na rúa Real. O encargado do proxecto sería o antigo alumno Rodolfo Ucha Piñeiro.

No 1942 inaugúrase o novo edificio como Escola Elemental de Traballo, na que se manteñen a sección de Artes e Oficios, herdada da antiga Escola, e que supón, lamentablemente, a súa desaparición. Da longa nómina de alumnos que pasaron pola Escola, nunha ou noutra etapa, cabe destacar a Bello Piñeiro, Imeldo Corral, González Collado, Segura Torrela, Gonzalo Torrente Ballester, Francisco Franco, José Piñeiro, Ramón Franco, etc. Ó longo dos anos, o Centro pasou a transformarse en Escola de Mestría Industrial e, posteriormente, en Instituto de Formación Profesional, pero este último xa noutra localización dentro de Ferrol

I.E.S. Rodolfo Ucha Piñeiro

Na honra a Rodolfo Ucha Piñeiro, antigo alumno da Escola de Artes e Oficios e arquitecto do edificio da rúa Real (hoxe derrubado e cuxo soar ocupa a actual Escola de Idiomas) bautízase co seu nome o noso actual instituto.

Foto aérea do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

Atópase no barrio de Caranza e, como sucesor da antiga Escola de Artes e Oficios, segue ofertando ó seu alumnado unha ampla gama de posibilidades educativas.

C.I.F.P. Rodolfo Ucha Piñeiro

No curso académico 2007-2008, o centro pasa a denominarse CENTRO INTEGRADO DE FORMACION PROFESINAL RODOLFO UCHA PIÑEIRO. Os centros deste tipo imparten ofertas formativas referidas ao Catalago Nacional de Cualificacións Profesionais, que conduzan á posibilidade de obter títulos de FP e Certificados de Profesionalidade. Estas cualificacións profesionais organízanse en catro niveis:

  1. Formación profesional inicial: correspóndense con programas de iniciación profesional.
  2. Títulos de técnico: correspóndense con ciclos formativos medios.
  3. Títulos de técnico superior: correspóndense con ciclos formativos superiores.
  4. Formación de carácter universitario.

Estrutúranse en unidades de competencia, que definimos como as competencias profesionais que constitúen a unidade mínima de recoñecemento e acreditación.

Cada unidade de competencia esta constituída por unha serie de realizacións profesionais (RP) e uns criterios de realización (CR). As unidades de compentencia son implantadas mediante módulos profesionais dentro de cada ciclo. O ensino que se imparte é post-obrigatorio (bacharelato, sempre que o alumnado sexa inferior a 1/3 do alumnado total; FP regulada e FP para o emprego).

Os centros integrados son centros propios da Consellería de Traballo e o alumnado será demandante de emprego do Servizo de Formacion e Colocacion das delegacións provinciais da Consellería de Traballo. Nun futuro, ofertaranse cursos específicos para empresas, dentro da FP para o emprego. Estes cursos deben estar dentro do Catálago Nacional de Cualificacións Profesionais.

Entre os principais labores dos CIFP están:

  • O recoñecemento e acreditación da competencia profesional á poboación traballadora, conseguidas a través da experiencia acumulada ó longo da vida laboral, así como posibilitar a esta poboación a obtención de títulos de FP cando se superen todos os módulos dun ciclo formativo e ademais se cumpran os requisitos académicos de acceso.
  • A prestación dos servizos de INFORMACION E ORIENTACION PROFESIONAL ás persoas, para que tomen as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades de FP en relación coa contorna produtiva na que se desenvolve.
  • A avaliación e mellora da calidade de todo o sistema.

A nivel académico, cabe sinalar que todos os ciclos de adultos pasan a ser modulares, o que quere dicir que a matrícula pódese facer por módulos individuais, e o horario pasa a ser de 17:00 a 22:10 da noite.

Fotos e información extraída dos libros:

  • “Ferrol a través dos seus personaxes”. Raúl Rico Pena, Luis Puig Mosquera e Jorge Mejute Couce. Ed. Concello de Ferrol.
  • “Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Ferrol (1881-1930)”. Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco. (1994) Ferrol.