
Alumnado do 2º curso do Ciclo Superior en Proxectos de Edificación visitou a cidade de Barcelona acompañados polo profesor José Luis Méndez Otero.
Alí tiveron a oportunidade de coñecer as últimas novidades do seu sector na feira anual CONSTRUMAT: construción mediante impresión 3D, innovacións en sistemas de insonorización, construción en madeira, novos instrumentos topográficos…
Tamén visitaron edificacións icónicas da cidade como a Sagrada Familia, o Teatro do Liceo ou a Casa Milà (La Pedrera) e tiveron ocasión de coñecer a realidade doutro centro docente onde se cursa tamén o seu ciclo formativo: a Escola del Treball de Barcelona. Neste centro, cuxas instalacións se proxectaron a partir da reforma dunha gran fábrica da industria téxtil catalá, puideron coñecer tanto ao profesorado como ao alumnado do Ciclo Superior en Proxectos de Edificación.

Con esta viaxe o alumnado tivo a oportunidade de ampliar tanto os seus coñecementos como a súa visión do sector da edificación e arquitectura, así como do patrimonio histórico e cultural que ofrece esta fermosa cidade.
