Esta semana ofrecémosvos novas sobre actividades para o verán, transporte urbano e ensinanzas artísticas.
Xa vai sendo hora de empezar a gozar do verán dun xeito un pouco máis tranquilo. Achegámosvos a continuación unha serie de propostas ao alcance de toda a xuventude:
- Uso das instalacións de Xuventude por colectivos xuvenís. E no caso de non pertencer a ningún colectivo, tamén se permiten grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro.
- Campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 45 anos.
- Campos de voluntariado que se desenvolverán por todo o territorio galego para a mocidade de entre 18 e 30 anos.
Se precisas información sobre o funcionamento da tarxeta Xente Nova de transporte metropolitano que garante a gratuidade das viaxes interurbanas por toda Galicia, consulta este enlace. Adiantámosvos que vai dirixida a mozos de entre 4 e 20 anos e que cando cumpras 21 poderás seguir usando a tarxeta ata que se esgote o saldo.
Se che interesan as ensinanzas artísticas, aquí vos deixamos dúas opcións con enlaces á información das probas de acceso:
- As ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de grao medio e grao superior.
- As ensinanzas artísticas superiores de Arte Dramática, de Conservación e Restauración de Bens Culturais, de Deseño, e de Música
Pasade boa fin de semana.