O profesor do Departamento de Comercio e Márketing, Manuel Ángel Torrente Rodríguez, realizou o pasado mes de novembro unha estadía na cidade de Toronto, en Canadá. De seguido coméntanos a súa interesante experiencia nese país, ademais de amosarnos varias das fotos que tomou alí
05.11.2023 – 02.12.2023
Estadía en Toronto, Canadá, co programa PIALE segundo a convocatoria do mesmo na Orde do 20 de abril de 2023 (DOG do 27 de abril de 2023)
Durante o pasado mes de novembro levei a cabo unha estadía na “Toronto School of Management”, un centro de Formación Profesional na cidade de Toronto, no Canadá. O obxectivo desta experiencia foi a mellora da miña competencia lingüística e comunicativa en lingua inglesa dentro do Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras (PIALE).
Neste centro tiven a oportunidade de entrar en contacto co ensino da FP nun entorno totalmente multicultural e no que ademáis dos contidos técnicos, se lle da unha grande importancia ás destrezas sociais ou soft skils, tan demandadas hoxe no mundo empresarial.
Asistín a aulas de módulos de Xestión de Operacións e Intelixencia Empresarial, e tamén a outros como Ética Empresarial, Comportamento das Organizacións e Desenvolvemento Personal e Profesional, correspondentes a Certificados e Diplomas equivalentes a ciclos formativos de grao medio e superior de Comercio e Marketing. O meu papel na aula foi observar e asistir ás explicacións cando era pertinenente, misturándome ademáis co alumnado na resolución das tarefas grupais e nas dinámicas que o profesorado propoñía na clase.
A docencia impartíase en quendas de mañá, tarde e nocturno de luns a xoves, deixando os venres para que o alumnado puidese asistir a cursos de perfeccionamento do idioma inglés, xa que na súa maioría o estudantado era internacional, ó igual que grande parte do profesorado e do personal de xestión da escola. Isto encaixa co carácter daquela grande urbe, na que máis da metade da poboación é de orixe foránea. Puiden entablar relación profesional con colegas de orixe canadiense, grega, paquistaní, árabe ou siria, que poñían de seu para que unha amálgama de rapaces e rapazas dos cinco continentes puidesen atopar o seu oco naquela sociedade, promovendo valores de paz, respecto e tolerancia nun lugar seguro e de referencia que era para eles e elas, a súa escola. O centro estaba especializado nas familias profesionais de Negocios, Informática e Hostalaría e Turismo.
Grazas ós nosos colegas puidemos acompañarlles a unha saída ó hotel The Westin que é un referente para convencións e eventos, e no que o alumnado realiza tamen as súas prácticas empresariais.
O país ofrece grande número de oportunidades profesionais para estes rapaces e rapazas, e a escola ademáis fomentaba o seu paso a estudos superiores a través da “Niagara College”, o centro universitario asociado a ela que imparte ademáis certificados da rama sanitaria.
Ó longo da estancia no país aloxéime cunha familia canadiense que tamén acollía a rapaces de Brasil, Madagascar e Ucrania. Compartiron conmigo as súas experiencias e as dificultades que lles enfrontaba o día a día naquel país. Con todo un futuro por diante para cumplir os seus sonos, quen sabe se definitivamente alí!
Toda a experiencia supuxo para min o descubrimento dun xeito de vivir diferente, nun país que da a benvida a xentes de toda condición sociocultural e procedencia. Un país no que se poden integrar e prosperar con respecto e tolerancia. Esta inmersión lingüística fíxome un profesional con maior conciencia global se cadra, e máis competente no idioma internacional por excelencia, o que estou xa poñendo a disposición do meu alumnado e de quen o poida precisar tanto persoal como profesionalmente.
Manuel Ángel Torrente Rodríguez, docente do Departamento de Comercio e Márketing do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.