Hoxe 24 de marzo ás 11:00 horas, nun salón de actos cheo até onde a normativa COVID permite e no marco das actividades do Plan de Igualdade, tivo lugar unha interesante mesa redonda na que participaron tres mulleres senlleiras que desenvolveron a súa actividade profesional en postos que corresponden ao ámbito de tres das nosas familias profesionais nas que as mulleres están infrarrepresentadas.
Así por Informática e Comunicacións falou Dna. Amparo Alonso Betanzos, química, catedrática de universidade e investigadora en intelixencia artificial.
Por Hostalaría e Turismo interviu Dna. Mar Rodríguez Meseger, directora xerente de TEE TRAVEL, unha axencia de viaxes especializada en sendeirismo, cicloturismo, enoturismo y viaxes culturais.
E tamén por Actividades Físicas e Deportivas participou Dna. Sofía Toro Prieto-Puga, deportista de elite que competiu en vela e conseguiu medalla de ouro olímpica en Londres 2012 e se proclamou campioa do mundo ao ano seguinte.
Ao acto, presentado por alumnas de cadansúa especialidade, asistiu canda o noso alumnado, estudantes de bacharelato do IES Ricardo Carvalho Calero para fomentar neles ruptura dos estereotipos de xénero.
Na mesa, as intervenientes falaron do seu traballo como mulleres nun mundo maioritariamente masculino e tamén dende postos de responsabilidade a os que se accede rachando teitos de cristal.
Comentaron as perspectivas de futuro nas súas profesións e mais as posibilidades de continuar e ampliar os estudos para aquelas persoas que comecen a prepararse pola formación profesional.