A Formación en Centros de Traballo é un período obrigatorio de prácticas non remuneradas en empresas para todo o alumnado da Formación Profesional co que se pretende completar a adquisición das competencias profesionais previstas e avaliar o desempeño en situacións reais de traballo.
No caso dos ciclos medios ten unha duración de 410 horas, nos ciclos superiores 384 horas e nos ciclos de informática básica 320 horas.
O alumnado realiza xornadas laborais da duración habitual no centro de traballo, estará titorizado por un dos empregados e desenvolverá tarefas propias do perfil profesional relacionado cos seus estudios.
A Consellería de Educación contrata pólizas de seguros tanto de Responsabilidade civil como de Accidentes nas que se inclúe todo o alumnado que está realizando prácticas.
O alumnado conta cun certificado de nivel básico de prevención de riscos laborais (30 horas para a informática básica, 45 horas para ciclos medios e 60 horas para ciclos superiores).
Entre a empresa e o alumnado non se establece ningunha relación laboral nin pode haber contraprestación económica.
A documentación básica para este período de prácticas consiste nun convenio asinado entre a empresa e o centro educativo, no que se detallan as datas de inicio e fin e as condicións xenéricas. Un segundo documento, o plan individualizado, rexistra as actividades que será posible desenvolver durante o período de prácticas.