A profesora do Departamento de Dinamización de Idiomas, Pilar Molina Osa, completou días atrás unha estadía dun mes na capital do Canadá. Ninguén mellor que ela mesma para relatarnos a súa interesante e produtiva experiencia a través da seguinte recensión que nos fixo chegar, canda unha escolma de fotografías que podedes ver deseguido

12.10.22 – 09.11.22
Estadía en Ottawa, Canadá, co programa PIALE segundo a convocatoria do mesmo na Orde do 7 xaneiro de 2022 (DOG do 20 de xaneiro de 2022)


Durante catro semanas participei no programa de inmersión lingüística para profesorado co obxectivo de coñecer o sistema educativo canadense a través do que se coñece como “shadow teaching”, que non é outra cousa que observar o xeito de traballar do profesorado daquel país, que metodoloxías utilizan, que actividades e tarefas fan, … No meu caso estiven en dous centros de educación secundaria diferentes. O meu centro de referencia foi “Adult High School”, un centro para adultos onde o alumnado é principalmente refuxiado e inmigrante e, en menor medida, de nacionalidade canadense.


Neste centro tiven a oportunidade de estar en clases de literatura aborixe, estudios medioambientais, historia das familias canadenses e inglés como segunda lingua. Nas clases de inglés como segunda lingua o abano de alumnado en relación co seu nivel foi dende alumnado analfabeto a alumnado de nivel avanzado. Non só puiden observar o labor docente do profesorado, mais tamén participei tamén de maneira activa nas clases axudando.


Coincidiu durante o meu tempo aló a celebración dun claustro de profesorado ao que asistín tamén. Por certo, con pastas e na biblioteca. A dinámica é semellante á nosa e as cuestións tratadas tamén: o noso XADE é o seu ASPEN, cambios na maneira de avaliar, cursos de formación, prazos de entrega de documentación, … Tiven a sorte tamén de visitar un centro de secundaria, “Sir Guy Carlenton Secondary School”, onde imparten clase dos equivalentes aos nosos ciclos de grao medio e programas de formación profesional básica, sendo estes últimos a cuxas clases fun.


Observei en clases de construción, soldadura e agricultura ecolóxica. Quedei abraiada coa motivación e o entusiasmo do profesorado, como conseguen que o alumnado teña sentimento de pertencer ao grupo, do traballo que logran dos rapaces e de como traballan. Todo dentro desa flexibilidade, empatía e sentido común que debemos ter en conta con este tipo de alumnado. Algúns deles estiveran fóra do sistema educativo dous anos e medio, e reenganchalos non é nada doado.


Este segundo centro non era moi grande. As instalacións que teñen son moi boas, e no caso da cociña é sostible xa que toda a verdura e vexetais que produce a horta é para consumo no comedor escolar. Contan con persoal de todo tipo, a parte de profesorado, traballador social, psicólogo, especialistas en adiccións, asistentes itinerantes para alumnado con necesidades especiais e asesores académicos. Cómpre dicir que é un centro cunha casuística complexa a nivel de alumnado.


O vicedirector preparou un percorrido para amosarnos o centro e entramos nunha clase na que había 25 estudantes pertencentes a dous grupos diferentes e con eles había tres asistentes educativos e dous profesores. Algo que me chamou a atención foi a figura dos asistentes e os voluntarios. Os asistentes son persoas que están presentes nalgunhas clases e non son docentes. As súas tarefas consisten en axudar ao profesorado co control da aula e cando levan moito tempo co mesmo profesor xa teñen nocións das materias ou módulos e poden botar unha man nese sentido.


Os voluntarios son persoas que se ofrecen para axudar nas aulas tamén. Non teñen porque ter sido docentes. O horario das clases é diferente. A xornada comeza ás 8.30, mais o profesorado ten que estar na aula 15 minutos antes.

HORACLASE
8.30 – 9.451ª CLASE
9.45 – 9.50DESCANSO
9.50 – 11.052ª CLASE
11.05 – 11.55COMIDA
11.55 – 13.103ª CLASE
13.10 – 13.15DESCANSO
13.15 -14.304ª CLASE

Para rematar esta nota sobre a miña estadía, debo dicir que quedei encantada nos centros. O profesorado foi moi acolledor e amable, sempre disposto a axudar cun sorriso nos beizos. Os que somos docentes sabemos que o noso día a día é frenético, un non parar, e o grupo de profesores de Galicia éramos unha tarefa máis que atender, e fixérono de bo grao, atendendo a calquera necesidade que puidésemos ter, preguntas que facer, clases ás que querer asistir, etc.


Por outra banda, a xente daquela terra é marabillosa. Tiña entendido que son unha sociedade multicultural, pero non imaxinaba que fose tan multicultural. O respecto por todo e todos é de admirar, e do que deberiamos aprender todos. Calquera ten un lugar nese país, sen importar de onde veñas, a cor da túa pel, a relixión que profeses, a lingua que fales, a túa maneira de vestir, …

Foi unha experiencia inesquecible da que trouxen comigo experiencias profesionais, persoais e leccións de vida.

Pilar Molina Osa, catedrática de inglés e xefa do Departamento de Dinamización de Idiomas do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro.


Galería de fotografías da estadía