Este mes de febreiro, o Espazo de Investigación e Innovación de Edificación (EiiE) foi o escenario dunhas charlas dirixidas ao noso alumnado, orientadas a explorar as diferentes opcións que se abren tras finalizar a súa formación. Ademais da inserción no mercado laboral, abordáronse alternativas como a continuación de estudos universitarios ou o camiño do emprendemento.

O enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, Carlos Núñez, da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (Universidade de Santiago de Compostela) presentou as distintas oportunidades que ofrece o campo da Enxeñería Civil, así como as opcións de formación dispoñibles no Campus de Lugo. Así mesmo, impartiu unha charla sobre Xeotecnia que espertou gran interese tanto no alumnado como no profesorado do Ciclo Superior de Proxectos de Edificación.

Dentro do programa “Experiencias que inspiran”, a publicista, experta en márketing e consultora Chío Infante compartiu o seu percorrido profesional e a súa experiencia no ámbito do emprendemento, motivando aos asistentes coa súa historia.

Finalmente Yasmina, antiga alumna do centro e actualmente estudante do Grao en Arquitectura, relatou a súa experiencia universitaria e destacou como o Ciclo Superior de Proxectos de Edificación foi clave para impulsar a súa traxectoria académica.

Estas charlas resultaron unha valiosa oportunidade para que o noso alumnado coñeza de primeira man as múltiples posibilidades que lles esperan e poidan tomar decisións informadas sobre o seu futuro profesional e académico.