Dedicado nesta ocasión á profesora, escritora e poetisa coruñesa, Luisa Villalta.
O martes 23 de maio pola mañá tivo lugar no noso salón de actos a conmemoración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun acto onde entregamos os premios aos gañadores do XI Concurso de Microrrelatos “… ultramarinos de barrio …”. O primeiro premio recaeu en Nadine Fonseca Lopes de 2º do CS de Márketing e Publicidade. Ao segundo premio fíxose acredor Gabriel Méndez Teijeiro de 2º do CM de Sistemas Microinformáticos e Redes. Senllos microrrelatos, o gañador “Testemuñas da veciñanza” e mailo accésit “O prezo da nostalxia”, foron lidos no acto aos asistentes polos seus autores.
Aproveitamos tamén para proclamar o gañador na categoría de “resto da comunidade educativa” onde o profesor José Lopez Villar da familia de Informática e Comunicacións foi o vencedor. Desafortunadamente non lle foi posible asistir ao acto e recolleu o libro co que resultou premiado, así como tamén nos fixo lectura do seu microrrelato, Digna Faraldo Purriños, xefa de estudos do noso centro.
Previamente e para abrir a conmemoración, a condutora do acto Rocío García Brandeiro, Coordinadora da Biblioteca, deu a benvida a todo o público asistente e fixo unha pequena introdución do acto, convidando logo a Lois Sánchez Meizoso, que encabeza o Equipo de Dinamización de Lingua Galega, a que lera unha breve recensión da figura da homenaxeada este ano, Luisa Villalta.
Posteriormente, a condutora chamou ó escenario a dous representantes do voluntariado da biblioteca, membros do programa recen estreado no noso centro de Bibliotecas Escolares Solidarias, para que presentaran un anaquiño do proxecto no que estiveron a traballar moi duro neste curso académico. Deste xeito, Óscar Fuentes e Nadine Fonseca do 2º CS de Márketing e Publicidade, presentáronos “A Carrapuchiña Vermella que Racha cos Roles”, unha obra de teatro da que adaptaron o guión do conto clásico e representaron en compañía do resto do voluntariado para nenos e nenas do primeiro ciclo de Educación Primaria do CEIP A Solaina de Narón, e na que se trataba de normalizar e difundir o uso do galego, así como rachar cos roles de xénero dende a infancia.
Máis tarde e por sorpresa, os organizadores pediron que de entre o alumnado asistente se formasen dous equipos para poder competir no, que xa comeza a ser un clásico para conmemorar este día, “Pasapalabra do Ucha”. Resultou moi divertido e todos os participantes foron agasallados con artigos de promoción da FP e mais do centro, así coma con cadansúa consumición na cafetaría.
O broche de ouro á xornada púxoa o mago, Martín Ilusionista,que nos fascinou co seu espectáculo “Con V de VIOLÍN e de VILLALTA”, facendo as delicias dun auditorio que ficou abraiado coa maxia que rodeou ó noso salón de actos ó longo dese día.
A conmemoración pechouse cuns versos da homenaxeada deste ano, Luisa Villalta, lidos polo alumno de 1º do CS de Guía, Información e Asistencia Turísticas e voluntario da biblioteca, Francisco Painceira Vázquez.
Velaquí vos deixamos algunhas fotografías do acto:
















