Disque máis vale un mal acordo que un bo preito. Do mesmo xeito, máis vale unha mala análise de riscos que unha boa análise forense informática. Pila Vila, CEO de Forensic & Security e autora do libro “Técnicas de Análisis Forense informático para Peritos Judiciales profesionales” comezou a súa exposición salientando a importancia de avaliar os riscos que pode correr calquera empresa, sexa grande ou pequena. Non facer este investimento pode resultar nun gasto posterior moito maior ou ben o remate da existencia do noso negocio.
Pilar foi, sen ningún xénero de dúbida, a persoa máis mencionada durante todo o curso no módulo de Análise Forense Informática. Isto é así por diversos motivos, dende a súa ampla traxectoria profesional neste eido, como por formar ás novas xeracións de forenses. E, por suposto, os froitos desta experiencia tradúcense nunha ampla colección de problemas superados e de anécdotas que van quedar para a posteridade.
Moitas destas anécdotas xorden da falta de entendemento que hai entre nós, os informáticos, e os traballadores do eido xudicial (xuíces, letrados, funcionarios, etc.). De como pensamos distinto e como o que para nós debería ser unha evidencia máis que suficiente para absolver ou culpar a unha persoa non o é para eles, ou incluso esta evidencia non é sequera admisible ante o tribunal. Outras historias nacen do duro traballo que require atopar esta evidencia, e de como non sempre é posible facelo. Sexa como for, o coñecemento adquirido nesta charla de Pilar foi sumamente enriquecedor para todos os asistentes.