O pasado xoves 2 de decembro, continuando co ciclo de conferencias que se están a realizar no curso de especialización de Ciberseguridade en Contornos das Tecnoloxías da Información, foi o quenda de Miguel Masciopinto e a súa interesante charla sobre fotografía e vídeo no que atinxe a este aspecto específico da informática .
Deseguido tedes unha breve recensión do comentado na charla:
Das fotos que trucaban Franco, Hitler e Stalin hai máis de 60 anos ata as do exército iraniano multiplicando as súas lanzadeiras de mísiles, a manipulación fotográfica avanza paseniño pero inexorable cara o momento no que xa non se pode distinguir a simple vista o que é real e o que non. Incluso empregando ordenadores a cousa xa non é trivial a estas alturas, e o panorama está cada vez máis escuro. Para todos? Non, para todos non. No sur de Galicia, unha banda de irredutibles vigueses traballa para desenvolver Fawrensian, unha ferramenta clave para poder detectar todos os trucos aplicados á fotografía dixital. Aidfork, que así se chama esta spin-off da Universidade de Vigo, adica os seus recursos á forensía multimedia, a outra rama da forensía dixital.
Para narrar as peripecias deste grupo tivemos no noso centro a Miguel Masciopinto, quen tamén nos contou como as cámaras fotográficas deixan nas fotos unha traza similar ás que as pistolas deixan nas balas. Así, é posible detectar se unha foto foi tirada ou non por unha certa cámara baseándose no patrón de ruído xerado por ela. O truco empregado por Matchinger, a ferramenta de detección de Aidfork, é ter unha mostra de fotos tiradas pola mesma cámara para reconstruír este patrón e compara a imaxe sospeitosa con el.
Pero se Fawrensian e Matchinger parecen xa abraiantes, o máis difícil para o grupo liderado polo catedrático Fernando Pérez González podería ser o que fai Vidinger. Este software trata de coñecer o intre no que se rodou un vídeo en base ás pequenas inestabilidades das frecuencias eléctricas, as cales se reflicten na luz das lámpadas. Aínda que esta aplicación ten certas limitacións, como que os vídeos teñen que ser rodados en interiores e con pouco movemento, foi moi curioso comprobar como de rápida e precisa era, cando se lle pedía localizar o intre nun rango de tempo suficientemente amplo.
Finalmente, tras a preceptiva rolda de preguntas, que durou un pouco máis do esperado, o alumnado de ciberseguridade tivo a oportunidade de probar a súa capacidade de retención nun destes “kahoots” que nunca están exentos de emoción nin de polémica. Miguel quedou con nós a ver esta competición e coidamos que, así como el nos trouxo unha charla tan interesante, tamén se levou un rato moi divertido para Vigo.