O alumnado do Ciclo Medio de Comercialización de Produtos Alimentarios na modalidade de FP dual levou a cabo nestes días unha campaña de captación de alimentos e produtos de primeira necesidade dentro da actividade que denominaron Escaparates Solidarios.
A idea xurdiu vencellada a unha actividade de deseño de escaparates que forma parte da súa formación académica e na que decidiron recadar alimentos e produtos de primeira necesidade que eles mesmos empaquetaron e doaron ao Banco de Alimentos Rías Altas de Ferrol. A súa pretensión era axudar a conseguir unha boa alimentación para todas as persoas en apuros, nestes difíciles tempos de restricións por causa da pandemia que nos asola.
A iniciativa foi todo un éxito pois en doce días conseguiron xuntar 224 kg de produtos que sen lugar a dúbidas contribuirán a aliviar a situación complicada pola que están a pasar algúns dos nosos veciños.
Non podemos menos que darlles as grazas e os nosos parabéns por tan bo e altruísta labor realizado.