Dedicado nesta ocasión ao poeta valdeorrés exiliado en México Don Florencio Delgado Gurriarán
Onte mércores 18 de maio á mañá tivo lugar no noso salón de actos a conmemoración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun sinxelo acto onde primeiro entregamos os premios aos gañadores do IX Concurso de Microrrelatos “… viviremos coma se todo…”. O gañador foi Aarón Martínez Barreira de 1º do CS de Desenvolvemento de Aplicacións Web, da quenda de tarde, que non puido acudir a recoller o galardón. Si estaba na sala o segundo premio ao que se fixo acredora Alba Casas Caneiro de 1º do CS de Administración e Finanzas do réxime modular. Senllos microrrelatos, o gañador “Un home dialogando co seu ego” e mailo accésit “Oito anos despois”, foron lidos no acto aos asistentes.
Aproveitamos tamén para proclamar e escoitar a lectura da gañadora na categoría de “resto da comunidade educativa” onde a profesora Tania Vieites da familia de Comercio e Márketing, foi a merecida vencedora e fíxoselle entrega do premio que consistiu nun libro do homenaxeado deste ano, Florencio Delgado Gurriarán.
A continuación escoitamos con moita atención o que nos tivo que dicir Alba Guzmán Falcón, ourensá de 19 anos, estudante de Enxeñería Mecánica na Universidade de Vigo e gañadora do concurso de Microrrelatos da RAG o ano pasado, e do certame Xuventude Crea en modalidade de novela curta este ano. En outubro vai publicar a súa novela Xoaniña de Deus. Deseguido abriuse unha interesante rolda de preguntas.
Xa case para rematar, catro integrantes da Sociedade Cultural Medulio, Nélida Santiago, Xoán Padín, Luísa Sánchez e mais Elia Rico fixeron as delicias musicando unha serie de poemas da egrexia do noso rexurdimento, Rosalia de Castro, que é quen deu data á celebración a partir de 1963 do día das nosas letras, ao ter publicado o 17 de maio de 1863 a primeira edición de “Cantares gallegos”.
A conmemoración pechouse cuns versos do homenaxeado deste ano Florencio Delgado Gurriarán lidos pola condutora do acto Rocío García Brandeiro, Coordinadora da Biblioteca do Ucha e profesora da familia de Comercio e Márketing que fixo un estupendo labor de “mestra de cerimonias” para que todo saíse ben.
O aforo veuse limitado polo protocolo COVID-19, pero o noso salón de actos presentaba un magnífico aspecto.
Xa temos algunhas fotografías do acto. Velaí van: