O pasado 23 de abril, día de San Xurxo, foi Día do Libro e como todos os anos gústanos conmemorar a data coa proclamación dos vencedores no no noso concurso de microrrelatos, que chega este ano xa á súa IX edición. Ademais imos proceder a repartir polas aulas, caraveis e unhas cartolinas impresas cos microrrelatos que acadaron o primeiro e o segundo premio.
Ante todo darlles os máis sinceros parabéns a Aarón Martínez Barreira de 1º do CS de Desenvolvemento de Aplicacións Web, vespertino de réxime ordinario, que acadou o 1º premio e tamén a Alba Casas Caneiro do CS de Administración e Finanzas do réxime modular, que se fixo merecedora do 2º premio, en disputada competencia con máis de 40 participantes que nesta novena edición do concurso conseguiron bater o récord de participación e un nivel de calidade literaria que complicou as deliberacións do xurado e puxo difícil a elección dos gañadores. Parabéns tamén para todos eles e moitas grazas por participar.
Queda pendente a entrega dos premios que faremos coincidir coa celebración que se organice para conmemorar do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao escritor valdeorrés exiliado en America D. Florencio Delgado Gurriarán.