O pasado xoves 10 de febreiro, o alumnado de CM de Sistemas MicroInformáticos e Redes (SMIR) converteu a súa aula nunha “aula de empredemento”. Nas horas do módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora (EIE) e acompañados de Ana Castro, profesora do módulo, recibiron a visita dos ex-alumnos Silvia Casal e Iago Astigarrabía, recentemente titulados en varios CM e CS da familia de Informática e Comunicacións no noso centro.
Os antigos alumnos estiveron encantados de colaborar con nós e volver ás aulas dun xeito diferente. Lembraron cando eles recibiran información doutros emprendedores e moi rápido conectaron cos alumnos para explicarlles a súa historia.
Silvia e Iago rexentan un pequeno negocio, AC Informática, na rúa Nova de Caranza (Ferrol) dedicado a venda de equipos informáticos e reparacións. Durante case dúas horas estiveron expoñendo a súa vivencia, e falando nun xeito moi achegado a un alumnado que amosou o seu interese pola súa iniciativa e tamén polos produtos e servizos que proporcionan.
O alumnado de este curso (2º de CM SMIR), está a traballar xunto coa súa profesora no concurso “Idea”, que todos os anos convoca a Consellería de Educación para premiar as mellores ideas emprendedoras de alumnado de formación profesional. Esperamos que este ano algún deles acade un dos premios, valorados entre os 1000 e os 3000 euros, coma recoñecemento ás boas “ideas” presentadas.
Velaí algunhas fotografías do negocio dos nosos ex-alumnos emprendedores. Alegrámonos moito do seu éxito: