Esta semana achegamos a seguinte información que pode ser do voso interese:

Formación:

Título de bacharel. A Consellería de Educación convoca as probas para obter o título de bacharel para as persoas maiores de 20 anos que non posúan este título ou outro equivalente e non estén cursando actualmente estas ensinanzas. Esta proba terá lugar o 23 de abril de 2021 no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

O prazo para inscribirse ás probas estará aberto do 3 ao 10 de marzo de 2021. Poden presentarse as solicitudes nos centros educativos que se indican na convocatoria, ou tamén tramitarse na sede electrónica co procedemento ED534A.

Podes consultar máis información e exames de anos anteriores na páxina da Consellería de educación. Tamén podes consultar o DOG coa convocatoria.

¿Como será a ABAU en 2021? Consta de dúas partes, unha obrigatoria e outra voluntaria. As datas das probas xa están publicadas, así coma os exames de cursos pasados. Podes ver máis información na páxina de Xuventude e na páxina da CIUG.

Aprender chinés en China: Se tes o título de bacharelato e máis de 18 anos, podes beneficiarte dunha das 16 bolsas de estudos Huayu para estudos de chinés mandarín que oferta a Oficina Económica e Cultural de Taipei en España.

As axudas teñen carácter mensual, poden ser para cursos durante un ano ou para seis meses, dependen da asistencia e cualificación dos bolseiros durante os cursos.

O prazo de solicitudes remata o 31 de marzo de 2021. Podes consultar máis información na páxina web das axudas.

Actividades e novas:

¿Queres ser embaixador/a do Pacto Climático? Se che gusta ter unha forma de vida máis sostible e te preocupas polo medio ambiente, podes converterte en Embaixador do Pacto Climático, un movemento deseñado para compartir información, debater e actuar sobre a crise climática.

A vantaxe de ser embaixador/a será o recoñecemento por parte da Comisión Europea, terás visibilidade da túa acción e recibirás ferramentas de comunicación e acceso á rede de Embaixadores.

Se queres formar parte, tes que completar o formulario en liña, despois a Comisión Europea selecciona entre os candidatos aos novos embaixadores/as por un ano. Infórmate na páxina da UE.