Durante o curso 2024/2025 os alumnos e a alumna de segundo do ciclo de desenvolvemento de aplicacións web (DAW) do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro participan no Proxecto Paisaxe e sustentabilidade dentro da iniciativa de innovación educativa Plan Proxecta.
O obxectivo principal é fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero en temáticas comprometidas coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
Este programa ten como obxectivo desenvolver coñecementos e recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas e cotiás a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade e para desenvolver propostas que melloren a súa calidade.
O alumnado do ciclo contribúe elaborando diferentes recursos educativos en contorno web para dar a coñecer as paisaxes da comarca de Ferrolterra e concienciar acerca da importancia do seu coidado a través da participación activa e colaborativa.
As contribucións dos estudantes son moi variadas incorporando dende fichas informativas con elementos de patrimonio histórico, cultural e natural, xogos e actividades educativas ou formularios e funcionalidades de xestión que axuden á labor do Proxecto Ríos e como recursos educativos para que empregue alumnado de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou outros ciclos formativos.
Este mércores 13 de novembro, foi presentado o proxecto ao alumnado e aproveitouse para realizar unha pequena enquisa acerca do coñecemento desta e outras iniciativas ecolóxicas e educativas.