A Dirección Xeral de Formación Profesional vén de publicar a Resolución do 29 de abril de 2024 pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de réxime especial, e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.

Pódese acceder a esta Resolución dende o enlace seguinte:

https://www.edu.xunta.gal/fp/webfm_send/10657

Segundo dita Resolución, pódense acreditar dous posibles niveis de competencia dixital dentro do Marco galego de competencias dixitais:

  • Nivel iniciación
  • Nivel intermedio

A certificación que acredite un nivel completo de competencias dixitais estará dispoñible na “Carpeta cidadá” da sede electrónica da Xunta de Galicia de cada alumno/a. Igualmente a recibirá a través da aplicación Abalar.

Por outra banda, a acreditación terá unha validez de cinco anos e hai varias posibilidades de obtela nalgún dos dous niveis mencionados, tal e como se especifica de seguido.

ACREDITACIÓN DE OFICIO POR OBTER UN TÍTULO DE FORMACIÓN PROFESIONAL

NIVEL INICIACIÓN: acreditará o nivel de iniciación en competencias dixitais o seguinte alumnado:

  • Aquel que obteña o título de FP Básica en calquera perfil profesional no curso 2023-2024

NIVEL INTERMEDIO COMPLETO: acreditará o nivel intermedio completo en competencias dixitais o seguinte alumnado:

  • Aquel que obteña no curso 2023-2024 o título de técnico ou técnica (título de ciclo de grao medio) en “Sistemas microinformáticos e redes”, en “Instalacións de telecomunicacións” ou en “Instalacións eléctricas e automáticas”.
  • Aquel que obteña no curso 2023-2024 o título de técnico superior ou técnica superior (título de grao superior) en calquera perfil profesional.
  • Aquel que obteña no curso 2023-2024 o título de máster de formación profesional (curso de especialización de grao superior), sempre e cando acredite dispor dun título de técnico superior ou técnica superior.

NIVEL INTERMEDIO PARCIAL: acreditará o nivel intermedio parcial, non completo, en competencias dixitais o seguinte alumnado:

  • Aquel que obteña no curso 2023-2024 o título de técnico ou técnica (título de ciclo de grao medio) diferente a “Sistemas microinformáticos e redes”, “Instalacións de telecomunicacións” e “Instalacións eléctricas e automáticas”.

ACREDITACIÓN DO NIVEL INTERMEDIO COMPLETO POR PROBA ESPECÍFICA

Pode presentarse a unha proba específica de nivel intermedio aquel alumnado matriculado durante o curso 2023-2024 no segundo curso dun ciclo formativo de FP Básica. A proba será realizada no mes de xuño no propio centro.

Dende o seguinte enlace pódese realizar unha proba de exemplo de proba para acreditar o nivel intermedio completo: https://certificacion-competenciasdixitais.xunta.gal/gl

ACREDITACIÓN DO NIVEL INTERMEDIO COMPLETO POR PROBA ESPECÍFICA E SIMULTANEAMENTE POR OBTER UNHA TITULACIÓN

Poderá acreditar o nivel intermedio o alumnado que supere unha proba exclusiva da área de dominio 4 e simultaneamente obteña durante o curso 2023-2024 un título de técnico ou técnica (título de ciclo de grao medio) diferente a “Sistemas microinformáticos e redes”, “Instalacións de telecomunicacións” e “Instalacións eléctricas e automáticas”. A proba será realizada no mes de xuño no propio centro.

INSCRICIÓN NA PROBA

O alumnado interesado en participar nas probas indicadas anteriormente (de nivel intermedio completo ou a proba parcial da área de dominio 4 do nivel intermedio), entregará cuberto na oficina o documento de solicitude (Anexo I) con data límite o 22 de maio de 2024. No caso de alumnado menor de idade, deberá contar coa autorización das persoas proxenitoras ou das persoas titoras legais.

As probas realizaranse no centro no mes de xuño e nas datas asignadas dende a Dirección Xeral de Formación Profesional.