Durante o curso 2023/204 os alumnos e alumnas de segundo do ciclo de desenvolvemento de aplicacións web (DAW) do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro participan no Proxecto Ríos dentro da iniciativa de innovación educativa Plan Proxecta.
O obxectivo principal é fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero en temáticas comprometidas coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
O Proxecto Ríos é un programa de educación e voluntariado ambiental promovida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, impulsado e coordinado por ADEGA, que pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ecosistemas fluviais.
É esencialmente unha iniciativa de participación cidadá e de intervención socioambiental.
O alumnado do ciclo contribúe elaborando diferentes recursos educativos en contorno web para dar a coñecer os ríos da Ría de Ferrol e concienciar acerca da importancia do seu coidado a través da participación activa e colaborativa.
As contribucións dos estudantes son moi variadas incorporando dende fichas informativas con elementos de patrimonio histórico, cultural e natural, xogos e actividades educativas ou formularios e funcionalidades de xestión que axuden á labor do Proxecto Ríos e como recursos educativos para que empregue alumnado de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou outros ciclos formativos.
Este xoves 9 de novembro, foi presentado o proxecto ao alumnado e aproveitouse para realizar unha pequena enquisa acerca do coñecemento desta e outras iniciativas ecolóxicas e educativas.