O célebre criminalista francés Edmond Locard enunciou a principios do século pasado o chamado Principio de Intercambio, que establece que todo contacto deixa un rastro, xa que sempre que dous obxectos entran en contacto, transfírese parte do material que incorporan ao outro obxecto. Nisto a informática non é ningunha excepción. Cando un cibercriminal ou un virus ataca algún equipo, adoita deixar unha serie de rastros que dan pistas sobre as súas actividades. Nas súas pescudas, os informáticos forenses empregan ditos rastros para establecer unha liña temporal do ataque.
Os días 22 e 24 do pasado mes de marzo, o alumnado do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol realizou un obradoiro de ciberseguridade na feira de FP Innova, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Equipados coas evidencias de varios casos e as ferramentas para resolvelos, axudaron a varios grupos de alumnos de diversos centros educativos galegos. Así, dende nenos de primaria a estudantes xa adultos da nosa FP puideron poñerse na pel dun investigador que resolve o intento de asasinato dun político, unha estafa online mediante a venda de xogos piratas de XBOX, a extracción das conversas de WhatsApp dun móbil, un traballador que decide traizoar á súa empresa e outra estafa con cupóns de desconto que ten un final sorpresa cando os investigadores atopan algo máis importante no seu PC.
Así o alumnado máis novel levou unha valiosa aprendizaxe para a súa casa: na informática todo permanece. Cando pensas que borraches un arquivo da túa papeleira de reciclaxe, e que se perdeu para sempre, a realidade é que non é moi difícil para un investigador atopalo de novo. E non digamos xa un correo electrónico que atravesou varios servidores ou unha conversa de WhatsApp que queda reflectida en moitos máis lugares dos que imaxinamos.