BIM (Building Information Modeling) é un proceso baseado nun modelo 3D que proporciona aos profesionais de arquitectura, enxeñería e construción as ferramentas para planificar, deseñar, construír e xestionar edificios de maneira eficiente. Este modelo dixital non só representa as xeometrías do edificio, senón que tamén integra información sobre os seus compoñentes, propiedades, materiais e outros datos relevantes.
O alumnado de primeiro curso do Ciclo Superior en Proxectos de Edificación modelou en 3D unha vivenda unifamiliar aplicando esta metodoloxía BIM co software Revit.
Posteriormente estes modelos son transformados en visualizacións realistas mediante ferramentas de intelixencia artificial. A I.A. permite optimizar o proceso de renderizado reducindo o tempo necesario para xerar imaxes de alta calidade. Ademais ofrece capacidades de análise e axuste que permiten ao alumnado experimentar con diferentes materiais, iluminacións e escenarios.
Este enfoque non só mellora a comprensión e a presentación dos proxectos arquitectónicos, senón que tamén prepara aos futuros profesionais para unha contorna laboral cada vez máis dixitalizado e esixente.